InicioCulturaMario Saavedra, investigador: "A simpleza nas cruces, nas figuras, podía reflectir o...

Mario Saavedra, investigador: “A simpleza nas cruces, nas figuras, podía reflectir o poder económico de quen encargaba a cruz”

Mario Saavedra (Pacios, Castro de Rei) foi profesor e en paralelo, un investigador do patrimonio cultural galego sobre todo entre a Terra Cha e A Mariña. Membro da Asociación Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, levou adiante unha serie de traballos sobre as cruces, cruceiros, cristos e petos de ánimas por varios concellos da Mariña. Hai pouco presentou o traballo realizado en Xove en que recolleu mesmo nomes de canteiros e tamén usos e costumes relixiosas que só se daban na diócese de Mondoñedo.

Publicada o

- Advertisement -

-De onde naceu o seu interese por realizar un traballo como este arredor dos cruceiros de Xove?

Fun mestre en varios lugares e cando estiven na Pastoriza creamos un xornal chamado ‘A Voz da Escola’ e tamén dispoñiamos dunha emisora. Daquela comezamos a percorrer o concello para despois falar no xornal e na emisora de castros, cruceiros e de todo o patrimonio que había. De aí é de onde nace o meu interese por este tipo de elementos. Co tempo descubrimos que había tres ou catro persoas traballando sobre o mesmo e de aí sae a idea de crear a Asociación Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas en 2009. Todos os anos facemos un congreso e hai catro anos fixeramos un no Museo do Mar en San Cibrao e foi cando se presentaron traballos sobre a Mariña. Logo desde a Asociación dividimos Galicia en zonas e a min correspondeume a zona da Terra Chá e A Mariña. A Terra Cha fíxena con dous compañeiros e xa fixemos a publicación concello a concello. Logo percorrín toda A Mariña para familiarizarme coas cruces e o primeiro concello que fixen foi Alfoz e de aí saquei o primeiro libro sobre as cruces da Mariña. Logo fun por Ourol do que tamén saquei o libro co apoio do Concello. Despois comecei o de Xove despois de moitas andainas e falar co alcalde, coa concelleira de Cultura e a antropóloga Lucía Sánchez. Así percorrín o concello durante once días para rexistrar todas as cruces e cruceiros.

-Hai características que diferencien os cruceiros de Xove con respecto aos doutros municipios da comarca?

Cando comezamos a traballar sobre a Terra Cha chamámoslle o “Proxecto Carboeira” por unha saga de canteiros da parroquia de Román en Vilalba e que levan o nome dos Carboeira polo lugar onde residían. Esta familia teñen cruceiros praticamente por toda a provincia de Lugo. Na Mariña teñen un no Valadouro, outro no monte San Roque en Viveiro e estes sempre se distinguían porque sempre deixaban a súa marca, íanos enumerando. Sobre os cruceiros de Xove, son bastante recentes, agás un que está ao carón da igrexa de Xove, é o máis antigo do concello e cunhas características propias, non hai outro igual en toda a Mariña. Logo hai un cruceiro cun cristo, que se chama o Cristo da Veiga, na parroquia da Rigueira. Antigamente estaba nunha casa particular e cando refixeron a casa recolocaron no xardín. É un cristo curioso porque ao mellor o canteiro non tiña unha pedra moi alta. A cabeza da figura é moi alongada, case igual que o torso, e a min ese cristo encantoume porque é único. Faime lembrar o cruceiro de Vilacimes, en Ourol, que ten algunhas características do mesmo canteiro e aínda que busquei información sobre el, non encontrei nada. Logo está o cruceiro da Cruz da Vara, onde conflúen catro concellos, catro parroquias e logo existen unha serie de lendas sobre xuntanzas de cregos ou alcaldes unha vez ao ano naquel lugar. Hai unha lenda en que se xuntaban os veciños de catro parroquias, unha delas do Valadouro, para repartírense as moscas e como os do Valadouro non estaban de acordo, sempre levaban os tabaos.

Co tempo descubrimos que había tres ou catro persoas traballando sobre o mesmo e de aí sae a idea de crear a Asociación Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas en 2009

-Puido contactar con descendentes ou mesmo canteiros que fixeran cruces?

Hai un canteiro en Sumoas, José da Fontaíña, vive ao pé da igrexa. Realmente foi unha conversa interesante por falarmos dun oficio xa case esquecido como o de canteiro. Logo fun descubrindo outras cruces como a de San Isidoro do Monte, no exterior da igrexa parroquial. Hai unha cruz de madeira moi interesante porque forma catro estadíos. A parte baixa sería a terra ou o inferno, hai unha tivia e unha caveira. Logo hai outro estadío cunha cruz que para min significa aqueles momentos malos da vida. Despois hai unha man que tira polas persoas para arriba e a isto segue unha figura octogonal, seguramente o máis alá. Por outra parte, sei que a cruz da Ponte do Carro, na Rigueira, foi feita por Abilio “O Portugués” que era de Alfoz. Este Abilio tiña xente traballando para el facendo casas e obras. Outro era Míguez, coñecido como “O Señor”, que agora debe estar xubilado.

-Que outros elementos aporta o seu traballo á parte da propia relación de cruces?

Hai un conxunto de poemas relacionados coas cruces e cristos que son de Manuel Regal, Manuel María ou Amado Carballo.

está o cruceiro da Cruz da Vara, onde conflúen catro concellos, catro parroquias e logo existen unha serie de lenda

-Por que non se fixeron representacións de cristos, da Virxe María e outros elementos como si se fixeron en cruceiros das Rías Baixas por exemplo?

Son dous mundos diferentes. No norte hai uns cruceiros chamados “loretos” que no capitel teñen unha urna onde hai un santo ou santa. Isto vén a que nós facemos unha clasificación que vai da cruz simple, se ten efixie de Cristo chamámoslle cristo, logo pasamos ao cruceiro que tería unha base, un varal, un capitel e unha cruz. Esa cruz por diante pode ter unha imaxe de Cristo, ou non, e por detrás unha efixie da Virxe. Unha cousa que me chamou a atención na comarca da Mariña é que a carón do mar non aparece ningunha cruz mais na costa da Coruña e Pontevedra si que hai en recordo de naufraxios. A simpleza nas cruces, nas figuras, podía reflectir o poder económico de quen encargaba a cruz. Tamén podería ser porque o canteiro non tiña a habilidade suficiente para elaborar figuras.

-Durante a investigación, á parte das cruces, houbo algún detalle que lle chamase moito a atención?

A diócese de Mondoñedo tiña unha caracterítica que non había noutros lugares, non deixaba enterrar en lugar sagrado a ningún neno nacido morto. As familias entón enterrábanos fóra do cemiterio. Este é un caso insólito que se practicaba na provincia de Lugo até o 1960. Outra curiosidade son as cruces de bautismos prenatais, sobre todo na zona sur de Pontevedra, pois bautizábase o neno dentro do ventre da nai no caso de que houbese un aborto natural. En Ourol había unha ponte, a de Xanceda, onde se facía o bautismo prenatal. Consistía en ir a unha ponte onde houbese unha cruz e esperar que pasase unha persoa. Alí os futuros pais preguntaban á persoa que pasaba se quería formar parte dun bautismo prenatal, se dicía que non, volvíase para a casa. A xente levaba a comida ou a cea para os acompañantes e para o que ía ser o padriño ou madriña. Finalizado o acto do bautizo, comíase e logo toda a baixela que se usara había que tirala ao río.

-Que interese mostrou o Concello de Xove para apoiar o seu traballo?

Eu fago este traballo de maneira desinteresada, só lles pido uns cantos libros para intercambiar con colegas que están realizando outros traballos. Cando falei co alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, estivo completamente de acordo, pois era unha maneria de conservar o patrimonio e que a xente cuide del.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...